Un barco atracado en Vigo sofre un aparatoso incendio, sen danos persoais
As imaxes falan por si mesmas. Con esta espectacular cortina de fume, visible dende diferentes puntos da cidade, espertaban hoxe moitos vigueses. Foi unha das consecuencias do aparatoso incendio que se produciu nun buque conxelador atracado no peirao de Bouzas.
Aínda que pareza incrible, non hai danos persoais e os operarios que traballaban na adega do barco consegurion saír a tempo a pesar da rapidez coa que se propagou o lume.
Ao parecer a súa orixe puido estar nas tarefas de reparación e soldadura que acometían.
Na zona houbo durante toda a mañá un gran despregamento de medios para evitar que as lapas se propagasen a outras embarcacións e o intenso fume impedía acceder á nave complicando as tarefas de extinción.
Foi necesaria tamén a presenza de varios remolcadores de Salvamento Marítimo para evitar o afundimento do barco que estaba escorado a estribor.
O buque é un conxelador de pavillón británico, propiedade dunha empresa viguesa que habitualmente traballa nas Malvinas. Levaba 15 días amarrado en Vigo.