Un ataque terrorista con coitelo deixa seis feridos en Nova Zelandia

EFE
Seis persoas foron feridas este venres polo ataque con coitelo dun presunto terrorista, abatido despois a tiros pola Policía, nun supermercado da cidade neozelandesa de Auckland, segundo confirmaron fontes oficiais. "Esta tarde a iso das 2:40 (hora local) un extremista violento perpetrou un ataque terrorista contra neozelandeses inocentes", dixo nunha conferencia de prensa en Wellington a primeira ministra de Nova Zelandia Jacinda Ardern, e remarcou que o "extremista" era coñecido polas autoridades do seu país.
Ardern explicou que o presunto terrorista, de 32 anos, "obviamente apoiaba a ideoloxía do Estado Islámico", e indicou que migrara de Sri Lanka a Nova Zelandia hai 11 anos e se converteu nunha persoa de interese en 2016 polas súas inclinacións extremistas. A mandataria tamén detallou que este ataque se saldou con seis feridos, dos cales tres se atoparían en estado crítico.
Antes da intervención da primeira ministra, a policía de Nova Zelandia informou de que abateu a tiros un home que presuntamente foi o autor dun ataque con arma branca nun supermercado do oeste da cidade de Auckland. A policía de Nova Zelandia confirmou nun comunicado que o atacante morreu como consecuencia dos disparos dentro do supermercado de Auckland, cidade confinada por un gromo coa variante delta da covid−19.