CRTVG

Buscar

As cifras da violencia machista: un asasinato cada semana nos últimos 16 anos

Publicado o 18/06/2020 10:42
As cifras da violencia machista: un asasinato cada semana nos últimos 16 anos

Galicia rexistrou polo menos sesenta feminicidios entre xaneiro de 2003 e o 20 abril de 2019. O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero publicou un estudo en que se analizan os crimes machistas ocorridos no estado, entre o momento en que empezaron a contabilizarse as cifras de mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas e o día en que este indicador chegou ao milleiro de casos.

A maioría destes asasinatos machistas producíronse nas provincias de Pontevedra e A Coruña, as máis poboadas do territorio, con 27 e 24 vítimas, respectivamente. Outro seis feminicidios rexistráronse en Lugo e seis máis en Ourense. A comunidade presenta unha taxa de vítimas mortais que ascende a 2,9 ao ano, por cada millón de mulleres maiores de 15 anos, mentres que a media estatal estaba nas 3,1.   

Este indicador aumentou na primeira metade do período analizado, ata chegar a 3,6, aínda que diminuíu na segunda metade ata 2,7. Segundo as cifras do estudo, o dato é maior nas zonas costeiras (4,4) e menor nas do interior (2,5).       

O informe revela tamén que a inmensa maioría non presentara denuncia contra o seu agresor, en concreto, un 73,9 por cento. Un 12,4 por cento do total contaba con medidas de protección en vigor, mentres que o 60,5 por cento destas mulleres mantiña a convivencia co seu agresor.

Denuncias previas 

A porcentaxe de denuncias previas oscila entre o 15,8% de 2005 e o 34,5% rexistrado en 2014. As vítimas que denunciaron tiñan unha idade media de 38,9 anos, algo inferior á media do conxunto (42,2 anos). O 32,8% das mulleres que presentaron denuncia tiñan entre 36 e 45 anos; o 28,8%, entre 26 e 35 anos; o 27,7%, entre 46 e 55 anos e o 25%, entre 16 e 25 anos.   A porcentaxe de denunciantes é menor en idades avanzadas. O 17,6% presentaba entre 56 e 65 anos e ao 9,2% no caso das maiores de 65.   

Entre xaneiro de 2003 e abril de 2019, a media anual de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas foi de 61,3. Esta cifra aumenta ata 68,3 se se ten en conta só a primeira parte dese período (2003 a 2010) e diminúe ata 54,4 na segunda metade (2011 a 2018).  O ano máis tráxico foi 2008, con 76 vítimas mortais. Se comparamos a media anual de vítimas mortais, pasaron de 68,3 mulleres asasinadas cada ano entre 2003 a 2010 a 54,4 entre 2011 e 2019.

"Este dato permítenos albergar certa esperanza e mostra que en España se está traballando na dirección correcta pero ao mesmo tempo, indícanos que non podemos baixar a garda", subliñou a presidenta do Observatorio, Ángeles Carmona.

O peor mes foi xullo e o peor día foi o domingo

En canto ao momento en que se cometeron os crimes, o estudo mostra como o maior número deles concentráronse nos meses de xullo e xaneiro, con 98 e 94 casos respectivamente, mentres que abril, con 72 mortes, foi o mes en que menos feminicidios producíronse. O peor día da semana foi o domingo, con 172 casos.   

A idade media das vítimas mortais da violencia machista no período sometido a estudo foi de 42,2 anos. En concreto, algo máis da metade do mil mulleres asasinadas (538) tiñan entre 26 e 45 anos, a pesar de que esta franxa de idade só representa un terzo da poboación de mulleres maiores de 15 anos. O 12,8 por cento das vítimas (128 mulleres) eran menores de 25 anos; o 14,1 por cento (141) tiñan entre 46 e 55 anos; o 7,4 por cento (74) entre 56 e 65 anos e o 11,9 por cento (119) eran maiores de 65.   

Entre as vítimas de nacionalidade española, a media de idade foi de 45,6 anos, o que supón case dez anos máis que o das estranxeiras, que foi de 35,9 anos. A maioría do mil mulleres asasinadas (655) eran españolas. Das 345 vítimas estranxeiras, o 46,1% eran orixinarias de América Latina, seguidas polas procedentes de Europa (35,7 %), África (14,8 %) e Asia (3,5 %).

765 menores orfos

Por outra banda, o informe reflicte que 765 menores quedaron orfos como consecuencia da violencia de xénero nos anos analizados no estudo. Deles, 499 eran fillos ou fillas do agresor e os 266 restantes, froito de relacións anteriores ou posteriores da vítima.   

Segundo precisa o Observatorio, este dato confirma que a maternidade é unha das circunstancias que aumentan o risco para as vítimas. En concreto, dos datos despréndese que tres de cada catro mulleres asasinadas entre 2003 e 2019 (o 75,2%) eran nais e en case a metade dos casos (49%) os fillos eran menores de idade.   

Ademais, sinala que a convivencia co agresor é outro dos factores que aumentan o risco para a vida das vítimas pois o 60,5% do mil mulleres asasinadas mantiña a convivencia co seu agresor no momento en que ocorreron os feitos, unha porcentaxe que aumenta ata o 65% na segunda metade do período analizado. En 100 casos, a convivencia continuaba a pesar da existencia dunha denuncia previa e en 29, a pesar de estar activa algunha medida de protección para a vítima. 

O 60,6% dos asasinatos foron cometidos pola parella coa que a vítima mantiña unha relación cando ocorreron os feitos; nun terzo dos crimes (27,8%), o autor foi a exparella, e no 11,6% dos casos o crime produciuse durante unha crise ou cando a relación se atopaba nunha situación transitoria. 

"O informe conclúe que a incidencia da violencia machista foi superior no mes de xullo, que o peor día da semana foi o domingo e que golpeou en maior medida nas comunidades costeiras, e confirma que a convivencia, a ruptura ou a crise de parella e a maternidade son factores que incrementan o risco para a vida da vítima", resumiu a presidenta do Observatorio.   

Ángeles Carmona asegurou que este informe permitirá "mellorar os instrumentos na loita contra a secuela" da violencia machista pois permite "coñecer o perfil do agresor, determinar as circunstancias que agravan o risco para as vítimas e detectar de forma máis eficaz cando deben porse en marcha os mecanismos de protección".