CRTVG

Buscar

Un apicultor barbancés emprega arpas eléctricas para defender as abellas das vespas asiáticas

Publicado o 10/06/2021 13:34

O sol e unha estrutura tubular metálica son a esencia do sistema que ten Juanjo de Apigal para defender as súas abellas das velutinas. A instalación inclúe un cable soterrado e a batería dun coche. Esta alvariza no monte Iroite está protexida do ataque das avésporas asiáticas con seis arpas eléctricas.

Juan José Rodríguez, apicultor e xerente de Apigal: "Que son unhas estruturas cadradas onde van pasando uns fíos metálicos conectados en dúas fases. Cando a avéspora entra no corredor central e toca os fíos dálle unha descarga eléctrica nas ás. Non as mata, pero caen ao chan e quedan incapacitadas para a súa acción devoradora". Asegura que é o mellor antivelutina que hai hoxe en día: "É espectacular. Pode estar o apiario cheo de velutina e unha vez que acendemos as arpas, nuns vinte ou trinta minutos, despéxase. A maioría das velutinas están polo chan e inutilizadas e as poucas que sobreviven marchan".

Di que a solución sae por un custo baixo para o que supón os estragos da avéspora asiática. Este apicultor de Porto do Son, ten no mercado amais do mel, diversos produtos innovadores, a partir do que elaboran as abellas e, reitera, mirando pola saúde do consumidor. Mel con própole, equinácea e acerola é unha das súas propostas para aumentar as defensas.

Juan José Rodríguez di: "A última que acabamos de facer; un mel con reishi, shitake, maitake e baobab; unha combinación de fungos".

Ten 600 colmeas na Barbanza e en Valdeorras e a canle de vendas é o comercio electrónico. Da empresa con sede en Queiruga saen para toda España pedidos de mel e da variedade de produtos que elabora esta firma apícola.

Noticias web

10/06/2021