CRTVG

Buscar

Un ano vivindo no medio dunha pandemia: do medo inicial, á adaptación

Publicado o 12/03/2021 13:57

Fai un ano do confinamento e os cidadáns lembran eses primeiros días como moi duros, cargados de medo e incerteza. 

Era o desacougo ante o descoñecido, comezaba a nosa aprendizaxe de vivir en pandemia, o noso primeiro escudo de protección, un confinamento domiciliario de dous meses.

Unha calma tensa, que se percibía en cada ringleira que se formaba ás portas dos comercios esenciais, onde empezamos a vivir con distancia e limitacións.

"Numerosas chamadas, a xente non sabía que tiña ou podía facer", Manuel Arias, voceiro Policía Nacional Lugo.

Foron os días máis duros, en que houbo que improvisar, reinventarse e adaptarse, e onde empezamos a aprender a vivir afastados dos nosos.

E mentres o mundo paraba, nos hospitais librábase a gran batalla contra o novo inimigo.

"Por moito que o imaxines, non se achega á realidade todo o que vivimos", Ana Ferreiro, xefa da UCI do HULA.

Xornadas de traballo maratonianas, onde o EPI pasou a ser o uniforme, quendas cargadas de tensión en que os sanitarios demostraron unha vez máis o seu valor humano e profesional.

"Cada un no seu papel tratamos de facelo o mellor posible, dar todo", engade a doutora Ferreiro.

E chegaron os hospitais de campaña e os depósitos de cadáveres.

"Temos experiencia en vivir situacións difíciles, pero nunca coma esta", Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.

Agora vivimos na montaña rusa das desescaladas, das restricións, toques de recollida, novas vagas de contaxios.

"Agora xa é o habitual, o paciente covid é un máis",  Ana Ferreiro xefa da UCI do HULA.

Estamos esgotados pola crise sanitaria e a económica, aínda así, sen perder a esperanza. Desexando saír e para poder vivir.

Noticias web

12/03/2021