Un ancián morre no hospital tras ser rescatado na súa casa con síntomas de hipotermia
O ancián vivía só nesta casa do núcleo rural de Mazoi, en Lugo. Segundo contan os veciños, levaba uns días que non se encontraba ben e a semana pasada o sobriño levouno ao médico. O luns, a veciña de en fronte, ao ver que non abría as contras da fiestra do seu cuarto, avisou a familia.
Cando intentaron entrar no domicilio viron que a porta estaba pechada por dentro, polo que avisaron a Policía Nacional.
Unha vez que a familia, acompañada dos axentes, lograron entrar no interior, atoparon o ancián tirado no chan entre a cama e a mesa de noite. O home presentaba síntomas de hipotermia e foi evacuado ao hospital lugués.
O home falecía ao día seguinte no centro hospitalario. A familia nega que levase días nesa situación. Na fin de semana falaran con el e unha veciña viuno a través da fiestra.