CRTVG

Buscar

Un ancián esquece onde aparcou o coche en Ferrol coa muller dentro durante horas

Publicado o 18/02/2021 13:49

A Policía Local de Ferrol tivo que auxiliar un ancián que esquecera onde aparcara o coche. De entrada, iso non supón tampouco unha emerxencia, se non fose porque a súa muller estaba no interior do vehículo, non podía moverse e tampouco tiña móbil. Finalmente, os axentes deron co coche, para alivio do matrimonio.

Atoparon o coche a uns escasos 300 metros do xulgado de Ferrol, onde estivera o ancián facendo os seus recados. Aos axentes da Policía Localidade díxolles que non lembraba o lugar en que estacionara o seu vehículo no barrio de Canido e que a súa muller, recentemente operada da cadeira, estaba no interior desde pola mañá e non tiña teléfono ao que poder chamala.

Xosé Antonio Chao, xefe da Policía Local de Ferrol, di que "atopamos esa persoa na Praza de Canido e dixo que fora ao dentista e despois ao xulgado e ao sair non se lembraba onde deixara o coche. Tiña 90 anos o señor e a aínda así lembrábase da matrícula do coche, pero desorientouse a hora porque non era de Ferrol era de Neda, e ao sair do xulgado en vez de coller para a dereita colleu cara a esquerda, comezou a dar voltas ata que se desorientou totalmente. E dentro do coche tamén estaba a muller, que non podía andar ben porque rompera a cadeira. Deulles a descrición do vehículo e a matrícula e despois dun anaco atoparon o coche a dúas rúas do xulgado".

Localizaron o vehículo coa muller no interior en perfecto estado. Historia cun final feliz das que a policía lles gustaría ver máis a miudo.

Noticias web

18/02/2021