CRTVG

Buscar

Ultiman a poda das vides nas viñas da Ribeira Sacra

Publicado o 05/03/2020 14:13

Nestas viñas dunha adega de Sober están a piques de rematar a poda das cepas. Trátase dun labor que se realiza polo inverno, antes de que agromen as vides. Nas da variedade mencía, como é o caso, as ramas córtanse deixando unha pequena separación con respecto aos gomos.

"Dependendo da variedade que toque podar, dáixanse máis ou menos xemas en función da súa produtividade. Na mencía déixanse dúas xemas porque é unha variedade bastante produtiva, e faise unha poda curta. Pero se traballásemos con outras varieades, coma o brnacellao ou albarello, pois xa teriamos que ir a podas máis longas para unha produción máis homoxénea", di Jesús Prieto, técnico da adega.

Nesta adega en particular, realizan o atado das ramas conforme van podando, aínda que noutras o fan posteriormente. Esta parte do proceso é fundamental para que a cepa colla forma e o froito poida madurar ben. E para evitar a transmisión de enfermidades, convén desinfectar as tesoiras. Ademais, trasa poda aplícase nos cortes un produto fitosanitario que ten un efecto cicatrizante.

"Hai que ter moitos coidados segundo se vai facendo a poda. A día de hoxe, a máxima preocupación dos técnicos das viñas son as enfermidades e os fungos da madeira. Entón, vanse desinfectando as ferramentas cada certos cortes. Despois, eses cortes vanse selando cunha pasta para evitar posibles infeccións e neutralizar fungos que se depositen neses cortes. Vanse facendo uns certos coidados co fin de ir mitigando o máximo posible as enfermidades na madeira".

Unha vez rematada a poda, continúan os traballos. Retíranse os bacelos sobrantes, rózanse as viñas e cóbrense de palla para evitar a proliferación de malas herbas e manter a humidade que precisan as vides.

Noticias web

05/03/2020