Uche Agbo, inscrito no lugar de Jovanovic, convocado para Albacete

Moito movemento nos despachos do Deportivo. Esta mañá acordouse a rescisión do contrato de Sasa Jovanovic. Esa ficha libre é a que ocupa o nixeriano Uche Agbo que xa entrou na convocatoria para o partido contra o Albacete. Mesmo ten posibilidades de ser titular no partido por mor da baixa por sanción de Peru Nolaskoain.
Jovanovic é o primeiro sacrificado da parte inicial da temporada. Outros que poden ter a porta de saída aberta son Beto da Silva ou Longo, descartes de Fernando Vázquez malia estar en plenitude física. O outro xogador que non entrou na convocatoria foi Koné. Xa eran coñecidas as ausencias por lesión de Christian Santos, David Simón e Borja Valle.
Listaxe d #osnosos convocados para a 25ª xornada de @LaLiga: o #AlbaceteDépor de mañá ás 16:00 h. no Estadio Carlos Belmonte (Movistar #LaLiga 1) #póDEse! pic.twitter.com/BXvX1BNURK
— RC Deportivo (@RCDeportivo) January 25, 2020