TVG estrea esta noite 'Batalla de orquestras'
Esta noite, contra as dez e media, TVG estrea novos Eventos G. Con Batalla de orquestras bateranse en duelo artístico e social, por exemplo, a Panorama e a París de Noia. O programa levará a festa ás casas e permitirá que as orquestras volvan subir a un escenario, o da Galega, mentres non se recuperan as verbenas multitudinarias.
TVG estrea Batalla de orquestras ás 22:30 h. As mellores formacións galegas compiten no escenario da Galega.
"Tantos meses de pandemia, a verdade é que o levamos complicado", di Lito Garrido, director e cantante da orquestra galega Panorama.
E mentres aínda lles sexa complicado traballar como antes da pandemia, en verbenas multitudinarias, as orquestras volven actuar este verán para os galegos, pero dende as pantallas da Galega.
"Xa que non temos verbenas, polo menos levarlle a festa á xente con este vínculo. Trátase de que a TVG levemos as orquestras ás casas", explica Arturo Fernández, que é director, guionista e presentador de Batallas de Orquestras da TVG.
"É unha oportunidade que nos dá a Televisión de Galicia e creo que a xente o vai agradecer moito, que apartarán a mesa do salón e poránse a bailar", cre Fátima Pego, que é cantante da orquestra galega Panorama.
Bailar e cantar cunha nova proposta, da TVG, estival e especial: Batallas de orquestras galegas, na Galega.
"O que queremos é facer un enfrontamento directo entre a Panorama e a París de Noia", di Arturo Fernández, que é director, guionista e presentador de Batallas de Orquestras da TVG.
"Veña Panorama… A París de Noia sairemos varrer", din Mario Álvarez Fernández e Diego Moreira, das orquestras galegas Panorama e París de Noia.
"Foi moi simpático. A min gustoume moitísimo", conta José Antonio Blas, que é o director e xerente, e antes fora cantante, da orquestra galega París de Noia.
"As dúas orquestras mesturadas, creo que iso é o máis sorprendente", confesa Alba Mancebo, que é presentadora deste programa de Eventos G da TVG.
"Para nós é festa, é alegría", expresa Lucía Sánchez González, que é cantante da orquestra galega París de Noia.
"A verdade é que a covid nos complica moito a realización dun programa deste tipo, con moita xente, pero sempre respectamos e temos e conta as normativas e medidas sanitarias", concreta Senén Bernárdez Ferrán, que é realizador de Eventos G da TVG.
"Logo tamén teremos outros Eventos G: o das orquestras Olympus e os Satélites. Ese tamén vai ser un duelo moi interesante", explica Arturo Fernández, presentador de Eventos G da TVG.
"Esperamos que a xente o reciba con moitísima alegría", desexa Marta Hermo Romano, produtora de Eventos G da TVG.