CRTVG

Buscar

Turquía inicia a ofensiva contra as milicias kurdas no nordeste de Siria

Publicado o 08/10/2019 07:50

O primeiro obxectivo foi o cuartel xeral da alianza das forzas kurdas en Al Malikiya, na provincia fronteiriza de Al Hasaka: o ataque comunicárono medios sirios e confirmouno a prensa turca. A axencia siria de noticias SANA tamén fala de bombardeos no paso fronteirizo entre o nordeste do país e o Kurdistán iraquí. Di que non houbo vítimas.

Víase vir desde que Ankara recibira a última hora do domingo a luz verde de Donald Trump, ratificada este luns ó afirmar que era hora de saír de ridículas guerras sen fin, anunciando que de agora en diante só van loitar polo seu propio beneficio. O réxime de Damasco fala de invasión; as forzas kurdas avisan de que a retirada estadounidense favorecerá a reaparición do derrotado Daesh, pero Trump deixou claro que iso non o preocupa, como tampouco o preocupa abandonalas á súa sorte tras cinco anos combatendo xuntos os xihadistas.

As críticas polo paso dado chegáronlle de fóra do país pero tamén de republicanos próximos que falan de irresponsabilidade e de traizón aos kurdos que reforza o autoproclamado Estado Islámico e pon en perigo os EUA. O mandatario limitouse a advertir a Turquía de que se fai algo que el considere fóra dos límites aniquilará a súa economía.