Turquía envía 1.000 policías á fronteira con Grecia para evitar devolucións de migrantes
Un vídeo difundido polo Goberno turco, que mostra a visita en helicóptero do ministro do Interior, permite ver varios terreos ocupados por tendas de campaña dispersas que poden albergar uns poucos miles de persoas. Son sirios, iraquís, afgáns ou paquistanís que decidiron abandonar Turquía animados polo rumor de que a UE decidira abrir as súas fonteiras.
As propias autoridades turcas fomentan a versión ao afirmar, en comparecencias diarias, que miles de persoas conseguen pasar a Grecia.
Algúns dos refuxiados contan que no grupo hai policías turcos que lles entregan alicates para cortar os arames e cruzar asi a territorio grego. E despois impídenlles retroceder cando os policias gregos os reciben con gases lacrimóxenos.
Atenas négao e asegura que ningún dos varios miles de migrantes que están na zona conseguiron entrar. E os que se achegaron foron devoltos a territorio turco non sen antes quitarlles cartos e demais pertenzas, incluídos os zapatos.
Para evitar esas devolucións, o Goberno turco decidiu enviar máis de mil policías, equipados con lanchas zodiac. Ademais Ankara vai denunciar a Grecia no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Desde Kastanías, na fronteira, o presidente da Cruz Vermella cualificou de inaceptable que os migrantes sexan tratados como arma política.
A Comisión Europea pola súa parte prepara unha axuda adicional de 500 millóns de eros para os refuxiados sirios en Turquía para aliviar a tensión co Goberno de Ankara.