Turquia denuncia a morte por disparos dun migrante e Grecia négao
Varias canles de televisión gregas mostraron imaxes dos axentes lanzando gases lacrimóxenos no valado fonteirizo con Turquía. Segundo a versión de Ankara, morreu un migrante e outros cinco resultaron feridos. Desde o lado turco responderon tamén con botes de fume, pero neste caso semella que non está claro quen disparaba.
O Goberno grego desmentiu o incidente e acusou a Ankara de difundir noticias falsas con intencionalidade política. Horas despois, varias familias de refuxiados e migrantes embarcaban no buque que a Armada grega destinou para acoller temporalmente as persoas máis vulnerables.
A embarcación converteuse nun campo de refuxiados flotante tras o agravamento da crise provocada pola decisión do Goberno turco de abrir fronteiras e permitir que migrantes e refuxiados avancen cara á fronteira grega coa intención de entrar na UE. O domingo, Atenas anunciou que non aceptará solicitudes de asilo durante un mes e que expulsará pola vía rápida todos os migrantes que cheguen nese tempo.