CRTVG

Buscar

Tui, con 33 casos, pasa a nivel medio-alto, cun dos focos no instituto local

Publicado o 28/04/2021 14:02

En tan só unha semana o concello de Tui viu como se triplicaban os contaxios. O municipio ten 33 casos activos, a maioría localizados en tres gromos familiares relacionados entre si.

"24 casos concéntranse en tres familias e saíron dunha celebración do ámbito familiar, que despois se trasladou ao ámbito académico", explica Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

O centro máis afectado é o instituto de secundaria. Houbo que pechar as cinco aulas do segundo curso da ESO e confinar preto dun cento de alumnos, que seguen as clases vía online. Tamén se están facendo cribados noutros cursos.

"Primeiro pechouse unha aula de segundo con máis de tres positivos e ao día seguinte, por prevención, pecháronse o resto das aulas do curso", di o vicedirector do instituto San Paio, Miguel Abraira.

Ante o incremento de contaxios, Sanidade endurece as restricións. A partir do venres limítase a ocupación na hostalería.

"Como unha acción puntual de pouca responsabilidade ao final nos afecta a todos e incide en restrixir a actividade dun sector tan importante como é a hostalería", engade o alcalde.

Un novo golpe para un sector que xa viu reducida á metade a súa facturación co peche das fronteiras.