CRTVG

Buscar

Trump sanciona a China e rompe a súa relación coa OMS pola xestión da pandemia

Publicado o 29/05/2020 21:33
Trump sanciona a China e rompe a súa relación coa OMS pola xestión da pandemia

O presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou este venres que impoñerá sancións a algúns cidadáns chineses e que ordenou ao seu Goberno "eliminar as excepcións que dan a Hong Kong un trato diferente e especial" respecto ao de China, incluídos os beneficios  arancelarios

"As nosas accións serán fortes, as nosas accións serán significativas", dixo Trump nunha declaración á prensa para desvelar a súa reacción á controvertida Lei de Seguridade Nacional para Hong Kong, recentemente aprobada en China. 

Por outra banda, o presidente Trump tamén anuncioueste que decidiu "romper" a relación do seu país coa Organización Mundial da Saúde (OMS), á que acusa de xestionar mal a emerxencia sanitaria da Covid-19, ao crer en exceso as informacións achegadas por China.

Aínda que non deu máis detalles respecto diso durante unha conferencia de prensa, o anuncio de  Trump supón a suspensión permanente da contribución do seu país á organización, agora conxelada e que se estima entre 400 e 500 millóns de dólares anuais, o que equivale aproximadamente a un 15% do orzamento total do organismo.