CRTVG

Buscar

Trump recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental

Publicado o 10/12/2020 19:36

• A cambio de que Rabat teña relacións diplomáticas con Israel

Trump recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental

O presidente saínte dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este xoves a normalización das relacións entre Marrocos e Israel, á vez que recoñeceu a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental. "Hoxe asinei unha proclamación recoñecendo a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental. A proposta de autonomía seria, crible e realista de Marrocos é a ÚNICA base para unha solución xusta e duradeira por unha paz e prosperidade perdurables", escribiu Trump en Twitter.

Nunha segunda mensaxe na rede social, agregou: "Outro fito HISTÓRICO hoxe! Os nosos dous GRANDES amigos Israel e o Reino de Marrocos acordaron relacións diplomáticas plenas —un fito masivo para a paz en Oriente Medio!". O mandatario saínte estadounidense concluíu os seus anuncios en chíos lembrando que "Marrocos recoñeceu a Estados Unidos en 1777". "É por tanto apropiado que recoñezamos a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental", resolveu.

Na súa proclamación, Trump sinala que "Os Estados Unidos cren que un Estado saharauí independente non é unha opción realista para resolver o conflito e que unha autonomía xenuína baixo soberanía marroquí é a única solución viable". "Instamos as partes a iniciaren conversas sen atraso e a empregar o plan de autonomía de Marrocos como o único marco para negociaren unha solución aceptable para ambas", exhortou. "Para facilitar o progreso cara a este obxectivo −agregou−, Estados Unidos alentará o desenvolvemento económico e social con Marrocos, incluíndo o territorio do Sáhara Occidental, e con ese fin abrirá un consulado no territorio do Sáhara Occidental, en Dajla, para promover as oportunidades económicas e comerciais na rexión".

Nun comunicado, a Casa Branca revelou que Trump falou este xoves co rei marroquí, Mohamed VI, ao que lle reiterou o seu apoio e "a proposta de autonomía seria, crible e realista de Marrocos como a única base para unha solución xusta e duradeira á disputa sobre o territorio do Sáhara Occidental, e como tal o mandatario recoñeceu a soberanía marroquí sobre todo o territorio do Sáhara Occidental". 

O goberno de Marrocos anunciou que establecerá relacións diplomáticas con Israel "canto antes", á vez que anunciou a apertura de voos directos entre Marrocos e Israel. Estes anuncios, que constitúen unha gran viraxe na política marroquí e un logro inédito nos seus apoios internacionais sobre a cuestión do Sáhara, fixéronse hoxe nun comunicado do Gabinete Real marroquí, dado que a política exterior é un dos dominios exclusivos do monarca.

As relacións diplomáticas materializaranse "na reapertura das oficinas de ligazón nos dous países", como as que existiron ata 2002, o cal dá a entender que non terán rango de embaixadas, serán oficinas cun labor principalmente económico e tecnolóxico. Canto aos voos directos, están concibidos principalmente para que a numerosa comunidade xudía de orixe marroquí (de centos de miles de persoas) poida visitar o país magrebí con maior facilidade, do mesmo xeito que outros turistas israelís, e non se sabe cal será a súa frecuencia.

O rei quixo subliñar que estas medidas "non afectan de ningún modo ao compromiso permanente e sostido de Marrocos en favor da causa palestina" a prol "dunha paz xusta e duradeira en Oriente Medio". Respecto diso, sinalou que o seu país apoia unha solución baseada en dous estados (Israel e Palestina) que vivan xuntos en paz e seguridade, en que se preserve "o status especial de Xerusalén e o respecto á práctica dos ritos relixiosos das tres relixións monoteístas", pero xa non menciona que Xerusalén sexa a capital única e indivisible de Palestina, como se facía ata o de agora.

Mohamed VI expresou a Trump "o seu sincero agradecemento polo seu apoio franco e sen ambigüidade á soberanía sobre o Sáhara

A Fronte Polisario condena a decisión de Trump de recoñecer a soberanía de Marrocos

A Fronte Polisario condenou hoxe a decisión de Trump de recoñecer a soberanía de Marrocos sobre os territorios que desde 1975 ocupa na antiga colonia española do Sáhara Occidental. "A decisión de Donald Trump non cambia a natureza xurídica e histórica do Sáhara Occidental. Agora o que se reforza é a vontade do pobo saharauí , baixo o liderado da Fronte Polisario, para intensificar a súa loita e resistencia a fin de lograr a total independencia da República Árabe Saharauí Democrática, estado fundador e de pleno dereito da Unión Africana”, dixo  o representante saharauí ante a Unión Europea, Oubi Bachir.

Noticias web

10/12/2020