CRTVG

Buscar

Trump manterá indefinidamente o peche fronteirizo con Europa pola COVID-19

Publicado o 14/04/2020 07:39
Trump manterá indefinidamente o peche fronteirizo con Europa pola COVID-19

O presidente dos EUA, Donald Trump, anunciou este luns que manterá de forma indefinida a prohibición que rexe desde hai un mes de ingresar no país desde Europa por mor da pandemia da COVID-19. "Queremos facelo (levantar o peche) moi rapidamente, pero queremos asegurarnos de que todo estea ben. Agora mesmo temos unha prohibición moi forte e imos mantela así ata que eles (Europa) curen", dixo Trump durante unha conferencia de prensa na Casa Branca.

O peche de fronteiras con Europa empezou o pasado 14 de marzo por un período inicial de 30 días que concluíu este domingo. Trump explicou que a apertura de fronteiras se vai facer "no momento adecuado", aínda que non quixo definir se iso sucederá en semanas ou meses.

"Non diría que a Italia lle estea a ir moi ben nestes momentos, non diría que a España lle estea a ir moi ben nestes momentos, Francia acaba de estender a súa orde de confinamento", dixo Trump para xustificar a súa decisión.

Trump prohibiu en xaneiro a entrada aos Estados Unidos de persoas procedentes da China, e en marzo tomou a mesma decisión cos que chegan de Europa, ao que Europa respondeu cunha medida similar. "Decidín tomar varias medidas, fortes pero necesarias, para protexer a saúde e o benestar de todos os estadounidenses. Para evitar que novos casos ingresen ás nosas fronteiras, suspenderemos todas as viaxes desde Europa aos Estados Unidos", dixo Trump ao anunciar o veto o 12 de marzo.

Nos Estados Unidos os contaxios superan xa os 585.000, mentres que en Europa roldan os 900.000.

A conferencia de prensa estivo marcada pola polémica xurdida por mor dunha entrevista en que o doutor Anthony Fauci, un dos asesores médicos de máis alto rango de Trump, recoñeceu que de confinarse antes o país se salvarían vidas.

Trump rechouchiou unha mensaxe este luns en que se pedía o despedimento de Fauci co cancelo #FireFauci, o cal xerou un efecto adverso en Twitter cos cancelos #FireTrump (despedir a Trump) e #FireTrumpNotFauci (despedir a Trump, non a Fauci).

O mandatario defendeu na conferencia de prensa que estaba contento co traballo de Fauci e dixo que rechouchiara a mensaxe pedindo o seu despedimento porque lle "gusta a controversia".