CRTVG

Buscar

Trump inclúe a Cuba na lista de patrocinadores do terrorismo

Publicado o 11/01/2021 22:16
Trump inclúe a Cuba na lista de patrocinadores do terrorismo

A Administración do presidente saínte dos EUA Donald Trump reintegrou este luns Cuba á lista de Estados patrocinadores do terrorismo da que fora retirada en 2015 polo Goberno de Barack Obama (2009-2017) durante o "desxeo" da relación bilateral. Nove días antes de que Trump abandone a Casa Branca, o secretario de Estado Mike Pompeo deu a coñecer a decisión, que pode potencialmente complicar as posibilidades de que o presidente electo Joe Biden renove rapidamente os achegamentos coa Habana.

“Con esta acción, unha vez máis faremos responsable o Goberno de Cuba e enviaremos unha mensaxe clara: o réxime dos Castro debe poñer fin ao seu apoio ao terrorismo internacional e á subversión da xustiza estadounidense”, indicou Pompeo nun comunicado.

O xefe da diplomacia estadounidense xustificou o retorno da illa á lista “por brindar apoio repetidamente a actos de terrorismo internacional ao outorgar refuxio seguro a terroristas”. Engadiu que a administración de Trump se centrou desde o principio "en negar ao réxime dos Castro os recursos que utiliza para oprimir o seu pobo en casa e en contrarrestar a súa interferencia maligna en Venezuela e no resto do hemisferio occidental”.

Noticias web

11/01/2021