CRTVG

Buscar

Trump despide de xeito fulminante o secretario de Defensa

Publicado o 09/11/2020 19:35

O presidente saínte dos EUA, Donald Turmp, anunciou este luns o despedimento fulminante do secretario de Defensa, Mark Esper, dous días despois de que se coñecera a súa derrota nas eleccións do pasado 3 novembro fronte ao candidato demócrata, Joe Biden.

"Teño o pracer de anunciar que Christopher C. Miller, o altamente respectado director do Centro Nacional de Contraterrorismo (confirmado de maneira unánime polo Senado), será o secretario de Defensa interino, con efecto inmediato", dixo Trump na súa conta de Twitter.

"Chris fará un gran traballo. Mark Esper concluíu o seu labor. Gustaríame agradecerlle os seus servizos", agregou o mandatario. O nome de Esper figuraba na lista de posibles despedimentos por parte de Trump despois de que se opuxera á proposta do mandatario de enviar unidades militares para sufocar os disturbios en distintas cidades do país este verán tras a morte baixo custodia policial do cidadán afroamericano, George Floyd.

"A opción do uso de tropas en activo no papel de garantes da lei debería ser só empregado como último recurso, e só nas situacións máis urxentes e extremas. Non estamos nunha desas situacións agora", afirmou entón Esper nunha conferencia de prensa desde o Pentágono. Formado na academia militar de West Point e con experiencia tanto no Goberno como no sector privado, Esper foi designado por Trump como xefe do Pentágono en xuño de 2019.

O primeiro obxectivo de Biden é fear a pandemia

Son as 13 persoas que van deseñar a estratexia da nova Casa Branca contra o coronavirus, antigos asesores de Obama, pero tamén da administración de Bush pai. A primeira decisión de Joe Biden como presidente electo amosa a que vai ser a súa gran prioridade a partir do 20 de xaneiro: frear unha pandemia que xa contaxiou 10 millóns de estadounidenses e que leva por diante a vida dun milleiro cada día. Biden admite que este inverno vai ser moi escuro e pedíalle isto aos seus compatriotas: "Implórovolo: poñede a máscara. Facédeo por vós, polo voso veciño. Unha máscara non é unha declaración política, pero é un bo comezo para empezar a unir o país".

O novo presidente quere facer obrigatoria a máscara en todo o país e garantir o acceso gratuíto aos tests. Canda a covid-19, as decisións máis urxentes do seu mandato serán as referidas ao cambio climático, a recuperación económica e a loita contra o racismo.

Biden e Kamala Harris exercen xa de mandatarios electos, pero o seu antecesor segue sen recoñecer a derrota: os avogados de Donald Trump seguen loitando para invalidar votos por correo e para forzar recontos nalgúns estados. Proba da súas intencións é a creación do Fondo Oficial de Defensa Electoral, un peto para financiar a batalla legal e para o que xa está pedindo achegas aos seus seguidores. Outro exemplo: como se non acontecese nada, este luns substituíu o seu secretario de Defensa.

Os EUA excede os 10 millóns de casos de coronavirus

Os Estados Unidos excedeu este luns os 10 millóns de casos confirmados do coronavirus SARS-CoV-2, un 19,7 % do total de contaxiados no mundo, segundo o reconto independente da Universidade Johns Hopkins. De acordo con esas cifras, os casos positivos ascenden a 10.018.278 e a 237.742 as mortes, no medio dunha nova escalada dos contaxios tras o comezo do outono e logo das actividades de campaña previas á xornada electoral do pasado 3 de novembro no país. 

Noticias web

09/11/2020