CRTVG

Buscar

Trump carga contra medios e demócratas tras sufrir un novo revés político

Publicado o 07/11/2019 08:26

O proceso encamiñado á destitución de Donald Trump, o impeachment, entra na fase das declaracións públicas despois dun novo revés para o presidente dos Estados Unidos. O ex-embaixador para a Unión Europea, Gordon Sondland, rectificou por escrito a súa declaración a porta pechada e asume agora que si houbo presións económicas ao Goberno de Zelenski para que investigase os negocios na Ucraína do fillo de John Biden. 

O Congreso dos Estados Unidos deu así por concluídas as comparecencias a porta pechada e dá paso á fase de declaracións públicas, que comezarán a semana que vén. Un dos últimos en declarar foi David Hale, o subsecretario para Asuntos Políticos, que se presentou ante os comités de Intelixencia, Asuntos Exteriores e Supervisión da cámara baixa.

Pero da restra de declaracións, a bomba informativa chegou da do ex-embaixador Sondland, que enviou unha carta por escrito para rectificarse a si mesmo, dicir que as declaracións das outras testemuñas lle refrescaran a memoria e que si, que houbo quid pro quo, é dicir, un intercambio de favores: axudas millonarias a cambio de que o executivo ucraíno facilitase información que puidese prexudicar a Joe Biden, o candidato demócrata mellor posicionado para rivalizar con Trump nas presidenciais do ano que vén.

Trump respondeu irado ás acusacións, acusando os medios dunha caza de bruxas "miserable, impertinente, delirante e hiperpartidista". Non aforrou cualificativos tampouco coa oposición demócrata, aos que atribuíu "unha conduta vergoñenta que ten enfadado a medio país", dixo.

As declaracións de Sondland súmanse ás de William Taylor, o primeiro diplomático de Estados Unidos en Ucraína acusou a Trump de abusar da súa oficina para chantaxear a Kiev a cambio de información que o puidese beneficiar politicamente.

Noticias web

07/11/2019