CRTVG

Buscar

Trump condena o asalto ao Capitolio, recoñece a derrota e promete un traspaso sereno

Publicado o 08/01/2021 13:41

Washington seguirá en estado de emerxencia ata despois da investidura do novo presidente o 20 de xaneiro. Coa resaca do episodio máis convulso da historia recente do país, nas últimas horas sucedéronse os discursos. O máis esperado, o de Donald Trump, instigador da revolta. Unha mensaxe en que o presidente saínte condena, ao seu xeito, ao sucedido no Capitolio.

Donald Trump, presidente saínte dos EUA: "Os manifestantes que entraron no Capitolio ensuciaron a sede da democracia americana. Non representan o país e pagarán por iso se cometeron algún delito".

Horas antes, a Casa Branca, a través da súa voceira, condenaba o asalto ao Capitolio. "É inaceptable. E os que violaron a lei deben ser procesados con todo o peso da lei", dicía Kayleigh McEnany.

Trump recoñeceu a súa derrota e asegurou que garantirá unha transición ordenada de poder cara ao seu sucesor, Joe Biden, que será investido en doce días.

No día seguinte ao asalto ao Capitolio, o presidente electo cualificouno como un dos días máis escuros da historia dos Estados Unidos. "Non se atrevan a chamarlles manifestantes. Era unha multitude, insurreccionistas. Terroristas domésticos", asegurou Biden. Un terrorismo doméstico do que acusou a Trump de fomentar.

Entre os seguidores de Trump hai un convencemento xeneralizado de que eles son un movemento patriótico pacífico, secuestrado por grupos violentos. A teoría dos infiltrados é defendida tamén polos líderes da extrema dereita que ás portas do Capitolio aseguraban que nunca se van render.

 Nas últimas horas sóubose da dimisión do xefe da policía do Capitolio e da morte dun dos seus axentes, co que se elevan a cinco as vítimas mortais que deixan o episodio máis convulso da política estadounidense.

Así, os líderes demócratas meten presión para activar a destitución de Trump mediante o mecanismo contemplado na emenda 25 da Constitución. Pero para activalo precisaríase unha maioría do gabinete e o visto e prace do vicepresidente, Mike Pence. A maioría xa non a hai. Porque nas últimas horas producíase una nova dimisión na administración Trump, a da secretaria de Educación, que se suma á da secretaria de Transporte. E por outro lado, segundo The New York Times, o vicepresidente oponse a iniciar o proceso de destitución.

Visto o visto, a presidenta da Cámara de Representantes asegurou que, se Pence non o fai, ela iniciará os trámites do proceso de destitución, o xuízo político a Trump. Con todo, o proceso de destitución sería difícil ou case imposible de completar antes de que se vaia Trump o 20 de xaneiro.

Noticias web

08/01/2021