Trump asina un plan de choque de dous billóns de dólares o día en que os EUA superan os 100.000 casos

O presidente estadounidense, Donald Trump, estampou este venres a súa firma no maior paquete de estímulo económico da historia do país, por valor de máis de 2 billóns de dólares, para conter o impacto económico da pandemia do coronavirus. "Quero agradecer aos demócratas e aos republicanos por traballaren conxuntamente e poñer os Estados Unidos en primeiro lugar", dixo Trump na cerimonia oficial de ratificación desa lexislación. "Fomos golpeados polo inimigo invisible e golpeounos con dureza", agregou o mandatario.
O plan de estímulo, que representa ao redor dun 10 % do Produto Interior Bruto estadounidense, foi apoiado este venres na cámara de representantes, de maioría demócrata, despois da aprobación o xoves no Senado, controlado polos republicanos. O paquete de estímulo fiscal é o triplo do posto en práctica en 2009 tras o estalido da crise financeira.
Máis de 100.000 casos
Os Estados Unidos superou este venres os 100.000 casos de covid-19, que cobrou xa as vidas de 1.544 persoas, segundo os datos da Universidade Johns Hopkins, que manteñen o país como o primeiro no mundo en canto a contaxios, por diante da China e Italia, que ocupan o segundo e o terceiro posto, respectivamente. Segundo esas estatísticas, a cidade de Nova York mantense como a máis afectada pola enfermidade nos Estados Unidos, con 366 mortes.