Trump asina un decreto para incentivar as boas prácticas policiais
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinou este martes un decreto que busca proporcionar incentivos financeiros a aqueles departamentos de Policía que melloren a súa formación e estándares sobre o uso da forza, unha reforma moito máis modesta do que piden os activistas nas protestas.
"Estes estándares (para o comportamento dos policías) serán tan altos e fortes como sexa posible na Terra", dixo Trump á prensa pouco antes de asinar a orde executiva na Casa Branca.
Os departamentos de Policía que queiran recibir eses fondos federais deberán pasar por un proceso de certificación en que se comprometerán, entre outras cousas, a "prohibir" a práctica de agarrar do pescozo os detidos para dificultarlles a respiración "agás se a vida dun axente está en risco".
Esa manobra matou o pasado maio o afroamericano George Floyd en Minneapolis ( Minnesota), ao lle premer un policía o pescozo co seu xeonllo durante case nove minutos. O incidente foi captado en vídeo e desatou unha onda de protestas nos Estados Unidos e outros países.
A falta de que a Casa Branca publique o texto do decreto, o impacto da medida de Trump parece limitado, xa que non pode obrigar os departamentos de Policía a asumiren esas boas prácticas, aínda que o mandatario se comprometeu a traballar co Congreso para impulsar reformas máis ambiciosas.
Trump falou á prensa despois de reunirse en privado cos familiares dunha decena de afroamericanos que morreron en incidentes racistas e en moitos casos a mans de policías. Ao encontro non asistiron os achegados de Floyd.
O presidente asegurou que se comprometeu con esas familias a traballar para evitar que eses casos sigan repetíndose, pero ningún deses familiares o acompañou no acto, ao que si asistiron numerosos representantes de axencias da orde e sindicatos policiais.
Trump insistiu en que só "unha porcentaxe anana" dos policías comete actos brutais ou racistas e asegurou que a gran maioría dos estadounidenses, "aínda que non o saiban", están de acordo co seu lema electoral de "lei e orde".
O mandatario deixou claro de novo que se opón "rotundamente" á petición de reducir os fondos aos departamentos de policía e investir algúns deles nas comunidades, un clamor que que se escoitou nas protestas do movemento Black Lives Matter ("As vidas negras importan").
O decreto de Trump tamén busca fortalecer unha base de datos nacional para que os policías despedidos por neglixencia ou conduta inapropiada nunha cidade non poidan incorporarse facilmente a axencias da orde noutras cidades, afirmou o presidente.