CRTVG

Buscar

Histórico encontro entre Donald Trump e Kim Jong-un na zona desmilitarizada de Corea

Publicado o 30/06/2019 15:23

Histórico encontro na fronteira que divide as dúas Coreas entre o presidente estadounidense Donald Trump e o líder norcoreano Kim Jong-Un. Donald Trump convértese no primeiro presidente estadounidense en pisar territorio norcoreano e invita a Kim Jong Un a visitar a casa Branca.

Este encontro entre Donald Trump e Kim Jong-un na zona desmilitarizada de Corea abre novas perspectivas para a paz na zona e probablemente acabe co mandatario norcoreano visitando os Estados Unidos. O inquilino da Casa Branca sinalou que entre os dous viviron momentos de ira no pasado, pero que agora están "na mesma páxina" da historia canto a desnuclearización.

"Certamente, foi un gran día, un día moi lendario e histórico": así resumía Donald Trump unha xornada que, co seu particular estilo autopropagandístico, cualificou tamén como "un gran día para o mundo".

En realidade, estaba facendo historia porque se trata do primeiro presidente dos Estados Unidos en pisar chan de Corea do Norte. Este é o momento simbólico no que o xefe da Casa Branca se reencontraba co líder norcoreano, Kim Jong-Un, e cruzaba o marco que separa as dúas Coreas na localidade de Panmunjom. En realidade, é unha liña de demarcación militar, situada no Paralelo 38, cargada de historia e fonte de innumerables conflitos.

Kim díxolle que non esperaba velo xamais en semellante lugar e Trump anunciou que o ía convidar a visitar os Estados Unidos. Pouco despois mantiñan un encontro privado na zona desmilitarizada.

"Desenvolvemos unha gran relación. Realmente creo que se volvemos dous anos e medio cara atrás, a sitauación era moi mala e perigosa", explicou Trump ante os medios no preludio da entrevista entre os dous líderes. Mentres, Kim sinalaba que están en disposición de "eliminar o pasado desafortunado e abrir un novo futuro".

Fontes diplomáticas estadounidenses dan por desatascadas as conversas bilaterais sobre desnuclearización tras o cumio frustrado de Hanoi, en Vietnam, celebrado en febreiro deste ano. De feito, Trump declarou que nas dúas ou tres semanas vindeiras volverán traballar con ese obxectivo os equipos dos dous países.

O mandatario surcoreano, Moon Jae-in, tamén foi protagonista, Con el acudiu Trump a un miradoiro desde o que observaron a liña divisoria entre as dúas Coreas, mentres recibían explicacións dun militar estadounidense despregado na zona. Os dous mandatarios coincidiron en que a situación que se vive nesa área é agora moito máis pacífica.

Noticias web

30/06/2019