CRTVG

Buscar

Trump anuncia o plan para reabrir a economía dos EUA polo novo récord de mortos

Publicado o 16/04/2020 20:22

Estados Unidos rexistrou nas últimas 24 horas 2.600 mortes por coronavirus, a maior cifra diaria alcanzada desde que comezou a crise. Con todo, Donald Trump asegura que o pico de novos contaxios xa pasou e hoxe mesmo anunciará o plan para reactivar a economía. Alguns estados, segundo dixo, volverán á actividade antes da data prevista do 1 de maio.

A cidade de Nova York calcula unhas perdas económicas de entre 5.000 e 10.000 millóns de dólares. O seu alcalde anunciou que vai pedir a axuda estatal para poder manter os servizos básicos. A partir da próxima semana, decenas de millóns de estadounidenses recibirán cheques de 1.200 dólares como parte do maior plan de estímulo económico da historia do país, cidadáns que, segundo dixo Trump, estarán moi contentos de recibir un cheque co seu nome.

As medidas económicas coinciden no tempo con novas medidas sanitarias. En Nova York, que rexistrou outros 752 falecementos nas últimas 24 horas, o gobernador asinou unha orde para facer obrigatorio o uso de máscara sempre que non se manteña o distanciamento social recomendado.

Liorta política tamén no Brasil, o país máis afectado de América Latina, con preto de 1.800 mortos, e onde o presidente Bolsonaro e o ministro da Saúde discrepan sobre como xestionar a pandemia.

En Europa, a maioría dos países comezaron a flexibilizar algunhas retricións.

En Francia, con máis de 17.000 mortos, non está previsto facelo antes do 11 de maio.

E o mesmo no Reino Unido, que rexistra preto de 13.000 mortos, e onde este artista quixo agradecer o traballo que está facendo o sistema nacional de saúde para combater o coronavirus.

Noticias web

16/04/2020