CRTVG

Buscar

Trump ameaza con atacar 52 obxectivos iranianos se Teherán toma represalias

Publicado o 05/01/2020 13:56

O corpo do comandante asasinado polos Estados Unidos en Iraq chegou a Irán, que vai celebrar cerimonias fúnebres na súa honra en varias cidades. A multitude que se congregou en Ahvaz, recibiuno entre berros de morte aos Estados Unidos e tamén aos seus aliados na rexión, Israel e Arabia Saudita.

No parlamento iraniano tamén berraron "morte a América". O presidente da institución dixo que Trump cometeu un crime terrorista e recomendoulle que saque a súa xente da rexión.

Milicias xiítas chamaron ás forzas iraquís a afastarse a partir desta noite das bases estadounidenses en Iraq para non converterse en escudos humanos, no que parece un aviso de ataque.

Donald Trump ameazou con responder con forza as represalias e apuntou que ten 52 obxectivos de alto nivel e importancia para Irán e a súa cultura no punto de mira.

O ministro de Exteriores de Irán recordoulle que a destrución deliberada de patrimonio histórico está considerada un crime de guerra.

Máis de 70 cidades dos Estados Unidos acolleron manifestacións contra o ataque de Trump a Irán e para esixir a retirada dos máis de 60.000 soldados estadounidenses despregados actualmente en Oriente Medio.

Pola contra, as autoridades norteamericanas decidiron enviar entre 3.000 e 3.500 soldados máis alá para reforzarse contra as ameazas.
Ante a escalada de tensión, España tamén informou de que intensificara a seguridade dos arredor de 500 militares que ten en Iraq.

Noticias web

05/01/2020