CRTVG

Buscar

Trump admite a vitoria de Biden, pero con reparos, e despois dá marcha atrás

Publicado o 15/11/2020 21:18

Donald Trump e Joe Biden seguen protagonizando un enredo político, que ameaza con prolongarse ata preto do 20 de xaneiro, a data fixada para a toma de posesión presidencial. Trump sorprendía hoxe cun posible lapso. Nunha mensaxe en Twitter comezaba con esta frase: "El (en referencia a Biden) gañou porque as eleccións estaban amañadas".

A partir de aí comezaron as especulacións. Trump denunciaba que non se permitiron observadores no reconto de votos, ou que as papeletas foron computadas por unha compañía que el considera de "esquerda radical". Pero algúns analistas interpretaron que xa comezaba a dar o brazo a torcer, aínda insistindo na hipótese da fraude.

Unha hora despois despexaba dúbidas con outra mensaxe: "El só gañou aos ollos dos medios de comunicación fake. Eu non concedo nada. Aínda queda un longo camiño. As eleccións foron amañadas".

Os seareiros de Donald Trump protagonizaron unha marcha con miles de persoas, que tomaron as rúas de Washington esta fin de semana. "Deteñamos o roubo" foi o lema que serviu como referente unifcador para os manifestantes. Xa de madrugada, hora galega, producíronse enfrontamentos entre sectores de ultradereita, partidarios de Trump, e militantes anarquistas e Antifa. Unha persoa foi apuñalada e houbo polo menos dez detidos.
 

Noticias web

15/11/2020