CRTVG

Buscar

"Tristemente temos que dar a temporada por finalizada"

Publicado o 23/07/2021 10:33

Pubs e discotecas situadas en localidades con restricións altas e máximas ven complicado abrir ao público coas novas medidas que entran en vigor esta medianoite. 

José Diz, propietario dun pub en Sanxenxo, explica: "A xente quedaba na rúa porque non tiña a documentación para acceder ao local, porque non sabían onde acceder aos certificados. Decidimos montar unha zona onde facemos os test de antíxenos, e aos 15 minutos xa sabe se pode entrar".

Diz di que o sistema funciona porque "o luns foi frouxo, o martes mellor, o mércores moito mellor, e onte cheo". "Necesitamos ter unha seguridade clara de que a xente que entra está libre de covid−19. O que trae a súa documentación está claro que está libre, pero o que non a ten e non lle é doado conseguila, pois o mellor é facelo aquí in situ", asegura.

Desde que no seu local comezaron a realizar estes tests na entrada detectaron cinco positivos na porta do pub. "A xente nova é moi cómoda. Non pensa un luns se vai saír un sábado", cre este empresario. 

A partir desta noite pechan as portas: "Non abrimos porque só podemos dispoñer da metade da terraza, e economicamente non compensa. Aquí temos 32 traballadores e non compensa".

"Tristemente temos que dar a temporada por finalizada. Hai que ter en conta que este é un negocio de temporada. Nestes dous últimos anos só puidemos traballar dous meses. Para o ocio nocturno é insostible", di José.

"O ocio é moi importante, pero ten que ser seguro. E agora mesmo estamos mandando a xente á casa, á rúa e vai seguir contaxiándose", asegura. "Nós estábamos facéndolle un traballo ao Sergas chegando a un público ao que eles non estaban chegando, porque ese é un público potencial noso. Pero a normativa é a que é, estannos condenando ao peche" di este empresario, que pide á administración que considere implantar este tipo de medidas.

 

Noticias web

23/07/2021