CRTVG

Buscar

Tres vitorias e tres empates para os equipos galegos na xornada de Segunda B

Publicado o 19/04/2021 20:44

O Celta B aperta a pelexa por entrar na eliminatoria de ascenso a Segunda División. Empatou na casa ante o Burgos e iguala a 34 puntos na terceira praza coa Cultural.

O Deportivo deu un importantísimo paso adiante no acceso á Primeira Federación derrotando o Numancia, que chegaba a Riazor como segundo clasificado e que queda agora a 4 puntos cando só faltan 3 partidos por xogar.

"Os tropezos neste caso terminaron, non poden repetirse", di Rubén de la Barrera, adestrador coruñés.

O Rácing acompañaría o Deportivo na Primeira Federación a vindeira temporada. Derrotou 2-0 na Malata o Marino de Luanco. Cristóbal Parralo ve o seu equipo en progresión: "Estamos indo a máis, despois da corentena que tivemos que pasar, en que o equipo se resentiu fisicamente, eu creo que nestes momentos o equipo volve estar ben".

O que parece claro é que o Compostela non poderá pelexar por acceder á Primeira Federación. Un penalti na contra, inventado no minuto 95, déixao a 6 puntos do Rácing e 8 do Deportivo. Iago Iglesias amosou a súa indignación polo acontecido no Vero Boquete: "Non perdemos nós ter opcións de chegarmos a esa nova categoría senón que nos apartaron".

Na pelexa por evitar o descenso, o Pontevedra segue líder logo de sacar un punto na casa ante o Lealtad. A diferenza entre os 5 primeiros é de 3 puntos ou menos, o que sacou a versión churchilliana de Luisito:  "Ata o último minuto do último partido imos deixar sangue, suor e bágoas. Iso téñoo moi claro".

Xusto por detrás do Pontevedra aparece o Coruxo mercé á súa goleada ante o filial do Oviedo. Fíxolle 4 e xa é segundo. Míchel Alonso recoñeceu que "non contaba cun resultado así porque o rival que tiñamos en fronte é un moi bo rival, penso que do mellor que nos está tocando xogar do outro subgrupo".

Nesta pelexa por evitar a Terceira División quedan aínda 5 partidos que prometen emoción ata finais de maio.

Noticias web

19/04/2021