CRTVG

Buscar

Tres novas dimisións agravan a crise interna en Ciudadanos

Publicado o 25/06/2019 08:32

Agrávase a crise interna en Ciudadanos. Nas últimas horas producíanse tres novas dimisións na formación de Albert Rivera en protesta pola súa política de pactos e a nova estratexia da formación laranxa. O sector crítico promoveu unha iniciativa para reformular o veto a Sánchez, pero a dirección reafirmou por maioría a súa postura. 

Fractúrase a executiva de Ciudadanos e médranlle os reveses a Albert Rivera. Tras a marcha de Manuel Valls e a tirapuxa con Emmanuel Macron a semana pasado, agora deixa a cúpula do partido o seu voceiro económico, Toni Roldán. 

"Non me vou porque eu cambiase, senón porque Ciudadanos cambiou", dixo.

Di Roldán que se vai polo xiro á dereita experimentado pola formación laranxa nos últimos meses e tamén pola negativa de Rivera a pactar con Pedro Sánchez.

Para Toni Roldán, "Ciudadanos ten unha nova estratexia que non comparto. Manifestei a miña desconformidade durante meses".

Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso: "El aprobou uns criterios, por unanimidade, que agora parece que rexeita. Terá que explicar o seu cambio de criterio, pero nós desexámoslle o mellor. Seguiremos aplicando o criterio da executiva, que se aprobou por unanimidade, tamén co voto de Toni, e que ademais está refrendado polas urnas cun resultados históricos para Ciudadanos".

Foi Arrimadas quen compareceu, e non Rivera, para valorar a marcha de Roldán e tamén para reafirmar a estratexia de Ciudadanos ratificada na executiva: pactar co PP e manter o non a Sánchez.

Toni Roldán, ex-deputado de Ciudadanos: "Os custos para España da estratexia escollida por Ciudadanos son demasiado altos. Como imos superar a dinámica de confrontación de vermellos e azuis que viñemos combater se nos convertemos en azuis?".

Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso: "Claro que cambiou Ciudadanos. Medramos. Seducimos máis de catro millóns de cidadáns. Agora somos un partido de goberno. Ese é o gran cambio".

Toni Roldán, ex-deputado de Ciudadanos: "Como imos construír un gran proxecto liberal en España se non somos capaces de confrontarnos á extrema dereita, que está nas antípodas de todo o que pensamos?".

A través de Twitter, Albert Rivera agradecíalle a Roldán estes catro anos de traballo e dáballe a benvida a Marcos de Quinto, que o substitúe na executiva.

Á dimisión de Roldán sumouse a do eurodeputado Javier Nart. Abandona a dirección nacional tras promover unha votación xunto a Luis Garicano para que o partido reconsiderase a súa estratexia de pactos en relación á investidura e abrise unha vía de negociacións con Pedro Sánchez. Perderon os críticos. A dirección de Ciudadanos decidía manter o veto, aínda que sen unanimidade.
Á lista de dimitidos sumouse pola tarde a de Juan Vázquez, líder de Ciudadanos en Asturias. Di que se vai pola súa discrepancia coa política de pactos.

Noticias web

25/06/2019