Tres mortos en Murcia por inhalar gases cando reparaban unha embarcación

EFE
O capitán, o contramestre e un mariñeiro da embarcación Global Lake, que partira do porto de Valencia cara a Cartaxena cun cargamento de aceite de xirasol, faleceron por inhalación de gases mentres realizaban tarefas de mantemento nun dos tanques da nave, ao producirse, ao parecer, unha bolsa de anoxia (falta de osíxeno).
Segundo informaron este xoves a Efe fontes da Delegación do Goberno en Murcia, o accidente tivo lugar na tarde deste mércores, a 50 millas da costa de Cabo de Palos (Cartaxena), cando os tres tripulantes da embarcación, con bandeira de Liberia, realizaban tarefas de mantemento do tanque xunto a outra persoa que tivo que ser evacuada en helicóptero ao hospital xeral de Alacante, onde se atopa ingresada en estado grave.
A embarcación chegou sobre as 8:00 horas deste xoves ao porto de Escombreras en Cartaxena, onde se atopa paralizada mentres a Policía Xudicial da Garda Civil investiga o ocorrido. Fontes deste corpo informaron a Efe de que se trata, en principio, dun accidente laboral, e que os axentes se atopan realizando unha inspección ocular da embarcación.