Morren unha muller e os dous fillos menores nun accidente en Salceda de Caselas
• O condutor do outro vehículo está grave no hospital
• A falecida, de 38 anos, e os fillos, de 13 e de 6, eran de Salvaterra
• Dous días de loito en Salvaterra e Nigrán
Tres mortos nun tráxico accidente en Salceda de Caselas
Noite tráxica nas estradas galegas, esta vez á altura de Salceda de Caselas, na vía que xunta este municipio pontevedrés co do Porriño. Sobre as dez da noite, preto dun cambio de rasante dous turismos chocaban frontalmente. Nun dos vehículos viaxaba unha familia veciña do concello lindeiro de Salvaterra de Miño, unha nai e os seus dous fillos, unha nena de trece anos e un neno de seis. No outro coche, un home de 33 anos. Os estragos nos dous vehículos falan da violencia do choque e xa facían presaxiar os peores resultados.
Diego Gil, Xefe do Destacamento de Tráfico do Porriño, describe o sinistro: "Unha colisión frontal entre dous turismos co resultado de tres persoas falecidas, todos membros dunha mesma familia, e unha persoa trasladada con prognóstico reservado".
Os servizos de emerxencias tiveron que excarcerar as vítimas e, aínda que aplicaron as manobras de reanimación, non puideron evitar que faleceran os tres membros da mesma familia. O condutor do outro turismo foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado grave. A Garda Civil de Tráfico volve reclamar prudencia aos condutores:
"Evitar o consumo de alcól ao volante -lembra o xefe do Destacamento da Garda Civil de Tráfico do Porriño-, evitar as distraccións, sobre todo o uso do teléfono móbil e calquera outro dispostivo electrónico que poida alterar a atención á condución e, sobre todo, cando se vaia conducir estar pendente e respetar as normas de circulación".
Os axentes de tráfico investigan as causas do accidente e as circunstancias polas que un dos vehículos puido invadir o carril contrario.