CRTVG

Buscar

Con tres ministros de saúde, 45.000 mortes e 900.000 casos, o coronavirus avanza sen freo no Brasil

Publicado o 17/06/2020 08:17
Con tres ministros de saúde, 45.000 mortes e 900.000 casos, o coronavirus avanza sen freo no Brasil

O Brasil, un dos países máis afectados do mundo polo coronavirus, chegou este martes a 45.241 falecidos e 923.189 casos confirmados, segundo datos do Ministerio de Saúde, que ratifican que a pandemia aínda avanza a un ritmo acelerado.

Ese informe oficial indica que nas últimas 24 horas foron confirmados no país 1.282 falecementos por causa da COVID-19 e 34.918 novos contaxios. Ademais, 436.219 pacientes están baixo observación, en tanto que o número de enfermos recuperados chega agora a 441.729.

As barreiras das 45.000 mortes e os 900.000 casos foron superadas o mesmo día en que se cumpren tres meses desde que foi rexistrado o primeiro falecemento por coronavirus, o pasado 16 de marzo na cidade de São Paulo.

Tanto as mortes como os casos confirmados crecen desde aquela de forma exponencial e converteron O Brasil no segundo país máis afectado do mundo, só por detrás dos Estados Unidos.

Nos tres meses transcorridos desde a primeira morte, O Brasil tivo tres ministros de Saúde, en parte debido ao gran desdén mostrado polo presidente Jair Bolsonaro fronte á gravidade do virus, que chegou a cualificar de "gripiña".

O primeiro, o médico Luiz Henrique Mandetta, estaba no cargo desde xaneiro de 2019, cando  Bolsonaro asumiu o poder, pero foi destituído pola súa firme defensa das medidas de illamento social como forma de conter o avance da pandemia, que o mandatario censuraba.

Foi substituído por Nelson Teich, un oncólogo que non resistiu as presións de Bolsonaro por impoñer o uso da cloroquina nos tratamentos da COVID-19 cando xa a maioría das investigacións científicas e a Organización Mundial da Saúde (OMS) a vetaban.

Finalmente, hai un mes, asumiu o cargo o xeneral Eduardo Pazuello, un militar con ampla experiencia na área loxística e ningunha na área médica, que aínda exerce en calidade de interino.

A pesar do crecente avance da pandemia no país, case todos os gobernos rexionais e municipais, responsables pola adopción de medidas de illamento social, iniciaron nos dez últimos días unha  desescalada gradual, no medio das críticas de moitos expertos sanitarios.