CRTVG

Buscar

Tres infectados polo coronavirus en España

Publicado o 25/02/2020 21:03

• Unha italiana residente en Barcelona pon en illamento domiciliario 25 persoas

• A muller do médico illado en Tenerife tamén deu positivo

"A alerta non é pola gravidade , se nos poñemos a contar, - explica o secretario de Saúde Pública catalá, Joan Guix - a gripe estacional é moito máis grave". Con prudencia e rexeitando a alarma, informábase sobre o novo caso en España de coronavirus, o dunha muller italiana de 36 anos, residente en Barcelona e que viaxou nos últimos días ao norte de Italia.

Tamén se informou de que , unha vez activado o protocolo por coronavirus, 25 persoas que estiveron en contacto coa paciente xa están identificadas, son persoas sans e estarán en illamento domiciliario durante 14 días.

Despois do de Barcelona e mentres case un milleiro de turistas non poden saír do hotel onde están aloxados, confirmábase que a muller do médico illado en Tenerife tamén deu positivo por coronavirus. Nestes momentos son cinco os casos, pero dous xa foron dados de alta. As tres persoas infestadas foron contaxiadas en Italia, están illadas e pendentes dunha segunda proba. Asemade, hai varias comunidades autónomas que continúan avaliando varios casos sospeitosos.

E nos aeroportos españois vemos estes días máis máscaras do habitual. Cóntanos que por prevención. Con todo, a Organización Mundial da Saúde informa de que a taxa de letalidade do coronavirus en Wuhan sitúase entre o 2 e o 4%, fóra de China é do 0,7% . Mesmo alí, as persoas que morreron por coronavirus eran moi maiores ou presentaban patoloxías previas.














 

Noticias web

25/02/2020