CRTVG

Buscar

Tres estudantes de Verín, entre os mellores do mundo en cálculo mental

Publicado o 09/06/2021 21:06

A unha idade en que moitos nenos aínda contan cos dedos, tres estudantes de Verín quedaron entre os dez primeiros do mundo en cálculo mental. Competían con 20.000 alumnos de medio cento de nacionalidades.

O máis vello ten nove anos. Cursan terceiro de primaria, pero a táboa de multiplicar xa non é un reto para eles.

Gonzalo, Leo e Miguel: "Chupada, sabémola enteira, ata o 12. Nós xa non contamos cos dedos, cálculo mental".

Resolven as operacións a un ritmo de dous segundos e medio. Así conseguiron o éxito na competición: quince operacións combinadas en 36 segundos.

Ricardo Rodríguez Álvarez, profesor de Matemáticas: "O campión fixo 33 segundos, por tres segundos, quitounos o primeiro posto. O ano que vén, temos ese reto".

Na competición participaron 300 mil estudantes de todo o mundo, vinte mil na súa categoría, e os tres quedaron entre os dez primeiros.

Gonzalo, Leo e Miguel: "Complicado, pero aínda así, non esperaba quedar de cuarto. Estou tamén moi contento cos meus compañeiros".

Aseguran que todo llo deben ao seu profesor, que para o ano ten que cambiar de centro.

Ricardo Rodríguez Álvarez: "Ver como desfrutan coas matemáticas, como aprenden, como melloran, pero, sobre todo, como senten as matemáticas, ver que lles gustan".

"Eu ata de adulto vou estudar mates, porque me apaixoan".

Para o ano, outros alumnos, tamén do ensino público, terán a sorte de contar con el.

Noticias web

09/06/2021