CRTVG

Buscar

Tres detidos en Ribeira por agredir policías locais que ían parar unha festa ilegal

Publicado o 30/08/2021 14:08

As dúas patrullas de servizo nocturno da Policía Local de Ribeira foron ao sitio preto das catro da mañá deste domingo. Dentro había unhas quince persoas de arredor de vinte anos de idade. Cando ían identificalas responderon con insultos, golpes e puñadas aos axentes. O baixo en que se produciu a agresión está na rúa Churriana no centro da vila e, segundo testemuños na zona, a de onte non era a primeira madrugada en que había dentro unha festa xuvenil con moito ruído.

Os membros da Local pediron a axuda da Policía Nacional e no momento detiveron dous mozos e identificaron unha rapaza que, supostamente, tamén participou na malleira. Varios dos participantes lograran escapar da intervención policial. A moza detivérona onte cando foi á comisaría coa pretensión de denunciar a Policía Local.

Os tres detidos, veciños de Ribeira, pasaron esta mañá á disposición xudicial acusados de agresión e atentado á autoridade. A denuncia abrangue outras oito persoas como participantes ou autoras de incumprimento de normativa sanitaria e por ocasionar ruídos.

Segundo informou o xefe da Policía Local, tres dos axentes agredidos foron atendidos das feridas no hospital e dous deles están hoxe de baixa laboral.

Noticias web

30/08/2021