Tres concellos do Salnés, Meaño, Ribadumia e Vilanova, entran no nivel alto de restricións
O foco está posto nos asintomáticos que se están detectando nos cribados.
"Un 30 por cento dos casos que hai é polo menos de xente asintomático. Hai que pensar que o bicho anda por aí e hai que ter moito coidadiño, porque iso pode facer que se disparen", advirte Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa.
E o verán está ás portas. Comeza a época de maior traballo para algúns profesionais como os fotógrafos que temen outra tempada nefasta, con perdas de ata o 70 %.
"Para min agora mesmo está peor que o ano pasado. Todo no aire, está todo moi parado e as vodas séguense aprazando para o 2022", comenta Luís Portas, fotógrafo.
Este venres entran no nivel alto 3 concellos do Salnés, Meaño, Ribadumia e Vilanova e iso significa que os hostaleiros volven depender do que traballen nas terrazas.
"Nós imos seguir abertos igual, con servizo para levar e o que é terraza, o que nos deixe o tempo, porque aínda por riba dan toda a semana con choiva, que é o peor. Ben, se vai así coma estes días pois, é o que hai", fala Ana Paz, propietaria dunha cafetería.
Entre os veciños hai xa moito cansazo cos que incumpren. Así o conta unha veciña: "Se esa xente quere andar de festa pois que vaia a outro sitio, non a esta vila, porque nós aquí estamos moi tranquilos".
Pero non todos os que chegan de fóra veñen de festa. Marisa foi a Vilanova pero para ver a súa nai. Leva 40 anos vivindo en California.
"Todo o tempo, todo o tempo penso en ela e por iso veño a vela. Sinto moito o que está pasando en Vilanova", apunta Marisa Rey, galega emigrada aos EUA.