Tres concellos concentran 108 dos 121 casos activos polo brote da Mariña
Hai tres concellos que concentran 108 dos 121 casos activos polo brote da Mariña. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu unha conferencia de prensa tras a reunión por videoconferencia co comité clínico de expertos sanitarios para informar da evolución do brote.
Este martes, segundo informou o Sergas, detectáronse tres novos casos, polo que o total ascende a 131 desde que se iniciou este brote na Mariña. Deses 131 positivos, dez xa foron dados de alta, polo que os casos activos son 121. A maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, asegura a Consellería de Sanidade, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.
Catro persoas con resultado positivo e relacionadas co brote están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Outras dúas persoas, tamén con resultado positivo, están ingresadas no Hospital Público da Mariña, e nestes momentos está en fase de estudio e investigación a súa vinculación co brote.
Neste contexto, a Xunta decidirá en dous ou tres días se aplica as medidas de restrición de movemento e capacidade de forma selectiva. Seis concellos rexistran 13 casos en total e hai 5 nos que non hai ningún. A media de idade estaría nos 35 anos, segundo apuntou Feijóo durante a comparecencia. Por outra banda, 279 das 942 persoas en seguimento, que non deron positivo pero ás que se lle recomendóu gardar corentena, xa concluíron este período.
Polo momento barállanse tres posibles escenarios. O primeiro, que se abordaría en caso de que persistan os datos que levaron a activar o plan, pasaría por manter a restrición da capacidade no 50% e a limitación da mobilidade en toda a Mariña. O segundo escenario acolleríase en caso de que se agravase a situación. Entón aprobaríanse novas restricións no tocante aos horarios e actividades permitidas nos concellos. O terceiro escenario sería o dunha melloría notable. Nese caso, abordaríase unha fase de transición para volver "á mesma situación que hai no resto de España".
Insistiuse en que só as persoas que desen positivo, 121 casos "ata o momento", recoméndaselles "por prudencia" que non vaian a votar, un dereito fundamental que está "garantido" para o resto de cidadáns, incluídos aqueles que estean en corentena o día das eleccións se deron negativo.
A maioría dos concellos da costa lucense decidiu pechar espazos públicos e parques infantís.
Mentres, as forzas de seguridade continúan cos controis para que non se realicen entradas e saídas inxustificadas da comarca.
Sanidade segue a investigar os contactos interpersoais dos positivos, seguindo o fío das persoas e lugares onde estiveron para a detección prezoz.
Juan Gestal, catedrático de medicina preventiva e saúde pública da USC di que o peche é para tratar de controlar e impedir que se estenda o virus e localizar eses casos cegos que non se deron localizado".