CRTVG

Buscar

Dos 11 brotes activos en España, preocupa o de Huesca, ante o risco de que se estenda a Lleida

Publicado o 22/06/2020 21:09

Os novos brotes son agora a preocupación das autoridades sanitarias. Hai 11 activos en diferentes lugares de España.

A sanidade aragonesa detectou 25 casos vinculados co brote nunha explotación froiteira en Zaidín, Huesca.

En Euskadi, a sanidade vasca confirma oito positivos nunha residencia en Bilbao.

Galicia detectou un foco de nove casos en Ribeira. É un contaxio importado por unha muller que acaba de volver do Brasil.

Tamén é un caso importado o brote murciano.

En Castela e León, detectáronse 26 casos en Valladolid.

Andalucía ten brotes en Cádiz e Granada.A illa canaria de Fuerteventura tamén ten casos importados pola chegada de 'pateras'.

E hai brotes en Cataluña e Castela-A Mancha.

Dos once brotes activos, Sanidade considera baixo control os de Galicia e Murcia, os dous importados, e os do País Vasco. Tres comarcas de Huesca retrocederon á fase 3, e preocupa que o foco pase a Lleida. Os afectados son temporeiros que se moven dunha zona de recollida de froita a outra na busca de traballo.

A sanidade aragonesa segue facendo probas e buscando os contactos dos traballadores infectados nunha explotación hortofrutícola de Zaidin. Son xente nova e sa que xa está confinada neste pavillón, pero que se estivo movendo dunha zona a outra na busca de traballo como temporeiros.

"Seguen aparecendo casos relacionados con brotes previos noutras industrias e danse casos que indican transmisión comunitaria", explicou a conselleira de Sanidade do goberno aragonés.
"O risco está en que nos escape unha cadea de transmisión que non teñamos controlado e da que non identificaramos casos", advertiu Fernando Simón.

O caso obrigou a retroceder á fase 2 da desescalada tres comarcas de Huesca limítrofes con Lleida. Por iso Aragón e Cataluña coordinan as acción sanitarias para atallar o brote. Apélase á responsabilidade da poboación para limitar a mobilidade intercomarcal e co exterior ante a imposibiliade de controlala a nivel nacional unha vez rematado o estado de alarma.

"Son accións moi rápidas e valentes que implementaron de xeito moi oportuno e agardemos que dean o resultado esperado", asegurou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Na actualidade hai 11 brotes activos en España. Son, xunto cos casos importados ,a principal preocupación da nova normalidade, apuntou Simón. Pediu que ninguén co máis minimo síntoma participe nas celebracións da noite de San Xoán.