Arden tres barcos, un deles queda totalmente calcinado, nun incendio en Pontevedra
Impoñente incendio o rexistrado esta medianoite nos estaleiros dos Praceres en Pontevedra, no linde con Marín. O lume era visible desde a outra beira da ría e ao ir acompañado de estouridos causou grande alarma entre os veciños. Obrigou activar o nivel 1 de emerxencias do Platerga no que participaron bombeiros de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés. Durante tres horas a autovía que xunta Pontevedra e Marín permaneceu cortada, aínda que a circulación xa está completamente restablecida.
Os bombeiros non deron por extinguido o incendio ata pasados uns minutos das doce do mediodía deste sábado, ainda que seguen na zona e o 112 Galicia só o dá por practicamente extinguido.
A alarma saltou cando pasaban poucos minutos da medianoite.
Os veciños da parroquia pontevedresa dos Praceres, lindeira con Marín, empezaron a escoitar fortes estouridos e a ver grandes lapas. O lume procedía dun estaleiro onde comezou a arder un barco que estaba para reparar.
A presenza de produtos altamente inflamables no estaleiro facilitou que as lapas se espallaran rapidadamente polas instalacións, o que obrigou a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia e ao desprazamento de Bombeiros e equipos de extinción de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés, apoiados por motobombas de Poio e Cambados, entre outros. Tamén se mobilizou un buque de Salvamento Marítimo e outro da Axega.
A preocupación dos veciños continuou toda a noite por medo a que se repetisen os estouridos e a que a intensa nube de fume, que estaba a poucos metros das súas vivendas, puidese ter efectos nocivos.
Non se produciron danos persoais aínda que os materiais son moi cuantiosos. Hai un barco destruído e outros dos afectados, ademais das instalacións do estaleiro. O lume obrigou a pechar a autovía entre Pontevedra e Marín e a desviar o tráfico pola estrada vella, aínda que sobre as sete da mañá a circulación quedou completamente reestablecida. Os bombeiros continuaron traballando toda a noite para controlar os focos máis dificiles de apagar.