CRTVG

Buscar

Tráxico desenlace tras corenta días de intensa busca

Publicado o 11/06/2021 17:34

Este xoves cumpríase a peor das hipóteses. Logo de 40 días de incesante e angustiosa busca, aparecía o corpo sen vida da pequena Olivia. A súa irmá Anna segue en paradoiro descoñecido. Todo comezaba coa denuncia da nai, despois de que a súa exparella non lle entregara as fillas.

Foi o 27 de abril. O pai das nenas, Tomás Gimeno, non devolveu as rapazas e ameazou por teléfono a nai con non volver a ver a ningún dos tres. Comeza entón unha busca sen descanso por terra, mar e aire.

Dous días despois aparece á deriva a embarcación do pai e decrétase o caso como secuestro parental. Tras analizar o barco, atopan restos de sangue pero non pertence ás nenas. Tamén localizan no mar a cadeira infantil da máis pequena.

Á semana da desaparición, a nai difunde unha carta e un vídeo das nenas para darlles a maior difusión. Sucédense entón as concentracións cidadás de apoio.

O 29 de maio incorpórase á busca o buque galego Ángeles Alvariño, que emprega un sofisticado robot para rastrexos a gran profundidade. Os investigadores xa sospeitan que Tomás Gimeno lanzou os corpos ao fondo do mar.

Os primeiros resultados chegan o luns, cando se atopa a botella de osíxeno e unha funda de edredón do pai. Segundo María Gámez, directora xeral da Garda Civil, "os dous obxetos localízanse a 1.000 metros de profundidade".

Malia os achados, a nai mantense esperanzada e cre que as nenas seguen vivas. "Sigo estando positiva, todo ten máis sentido de que é unha fuga", asegura Beatriz Zimmerman. Unhas horas despois confirmábase o tráxico desenlace.

Noticias web

11/06/2021