CRTVG

Buscar

Tratan de frear a extensión da covid na Mariña coa realización de varios cribados

Publicado o 12/04/2021 16:41

Os casos de covid aumentaron na Mariña. Este luns realizouse un cribado en Ribadeo, por mor dun gromo detectado nunha parroquia, en Arante, e que ademais puido provocar positivos a veciños de concellos lindeiros. 

Máis de 150 persoas apuntáronse de xeito voluntario a este cribado, ao que estaba convocada toda o veciñanza da parroquia. Foi en concreto na aldea de Remourelle onde se detectou ese gromo que deixou un dos 25 positivos tanto en Ribadeo como noutros concellos da Mariña.

Un deles, Barreiros, que hoxe se incorpora ao grupo de concellos con nivel alto de restricións e mañá acollerá outro cribado con máis de 150 veciños.

En Arane acudiron á cita para tentar frear a cadea de contaxios detectada na parroquia. Alí detectáronse sete casos en dúas familias. O gromo fixera saltar as alarmas en Ribadeo, que levaba días sen positivos e onde agardan que a situación poida controlarse.

En total hai 25 casos detectados xa en seis concellos da Mariña.

O rastrexo iniciouse logo do positivo dun home que acudiu por unha lesión a un centro sanitario. Logo deste cribado en Ribadeo, mañá está programado outro no veciño concello de Barreiros. Xa se inscribiron máis de 150 veciños.

Noticias web

12/04/2021