Traslado de pacientes de covid-19 entre hospitais galegos ante o incremento de ingresos
A desaceleración de contaxios tarda en notarse na presión hospitalaria
A área sanitaria de Ferrol chegou a ter a maior incidencia da covid-19 en Galicia hai un par de semanas. A repunta tocou teito e leva días con descensos moi importantes. Pero a caída nos contaxios tarda en reflectirse nos ingresos hospitalarios. No Hospital Arquitecto Marcide aínda teñen camas e UCI libres para estes pacientes, pero decidiron anticiparse a calquera imprevisto. Derivaron un enfermo ao Hospital de Lugo, que soporta menos presión e xa recibira doentes de covid-19 da área de Ourense.
"Está previsto nos plans de contixencia e por iso se fai, fundamentalmente para que os outros hospitais poidan seguir facendo a actividade normal", aclara Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo.
De feito, a presión hospitalaria aumenta nas últimas xornadas en todas as áreas sanitarias e mantense elevada na de Ourense a pesar do forte e constante descenso na cifra diaria de contaxios.
"Unha certa tranquilidade no que ao ámbito comunitario respecta, aínda que seguimos tendo unha alta presión na hospitalización convencional e nas camas de UCI, cunha alta ocupación, menor á que tiñamos nas semanas anteriores e cunha tendencia decrecente", asegura o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.
A situación en ocasións complícase polos contaxios do persoal sanitario. No Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol están infectados 13 traballadores de enfermería e dous do equipo de limpeza dunha das dúas zonas covid do hospital. Están en corentena e foron substituídos para garantir a asistencia nun momento de gran carga hospitalaria.