Trasladan tres persoas por inhalación de fume tras un incendio nun edifico en Miño

Tres persoas tiveron que ser trasladadadas por inhalación de fume e outras dúas foron atendidas no punto tras declararse un incendio nunha vivenda dun edificio da Rúa Robaleira, no concello de Miño.
Foi sobre as catro da mañá cando un particular alertou o 112 de que unha veciña o avisara de que había moito fume dentro da súa vivenda. Ata o lugar acudiron os Bombeiros de Betanzos, a Garda Civil e Protección Civil de Miño.
Unha vez apagado o lume, os bombeiros comunicaron que ardera por completo unha lavalouza e parte da cociña. Os servizos sanitarios confirmaron o traslado de tres persoas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña por inhalación de fume. Outras dúas persoas tamén se viron afectadas polo fume, atendéronas no punto e non foi necesario o seu traslado.