CRTVG

Buscar

Trasladan ao Rodicio catro lobos que vivían nunha casa en Quintela de Leirado

Publicado o 12/02/2020 14:13

Michelle, alemán residente en Quintela de Leirado, recíbenos acompañado de Jamelito, un descendente de lobo ártico co que leva máis dunha década percorrendo Europa. Aquí, Jamelito formou unha familia. Con Lobine, unha loba ibérica, tivo cinco cachorros, dos que sobreviviron tres.

Luis Álvarez, amigo e tradutor de Michelle Léger: "Todo empezou porque quería buscarlle unha parella ao seu can e atopou por Internet esta femia, supostamente de raza lobicán checo, que en realidade é un cánido, nin sequera considerado potencialmente perigoso".

Lobine instalouse en Quintela como cadela, pero pronto revelou a súa auténtica natureza.

Luis Álvarez: "Durante o proceso de xestación, pola conduta do animal, que chegou a facer un burato de dous metros de fondo para parir, aí xa se decatou de que non podía ser un animal doméstico, que era unha conduta propia dun animal salvaxe".

Unhas analíticas, realizadas por iniciativa do propio Michelle, confirmaron que é unha loba ibérica e, por tanto, non pode seguir vivindo aquí. Nin ela nin os seus cachorros, que esta mañá foron recollidos por axentes medioambientais, do Seprona e catro veterinarios, que os sedaron para trasladalos ao centro de recuperación de fauna do Rodicio.

Michelle, o dono dos animais, di que se sente liberado, porque se aveciñaba un novo período de celo e sabía que a situación non se podía prolongar. Quen o leva peor é Jamelito.

"Normal, son a súa muller e os seus fillos", lamenta Michelle que xa nos adianta que intentarán ir visitalos cando teñan un fogar definitivo.

Noticias web

12/02/2020