Tras nove anos, chega a xuízo un empresario de Láncara acusado de prenderlle lume á súa moblería
Un veciño de Láncara está acusado de prenderlle lume á tenda de mobles que tiña en Sabarei, no Corgo. Segundo o escrito da acusación, en abril de 2010 simulou que alguén incendiaba a nave co fin de beneficiarse de maneira ilegal da cobertura da póliza de seguro que tiña contratada, que cubría o risco de incendio por un importe de 700.000 euros sobre o contido e de 900.000 sobre o continente.
O xuízo tardou nove anos en celebrarse debido a que a fiscalía pediu o sebresemento da causa ata en tres ocasións.
"O expediente da causa tivo que ir tres veces á Audiencia Provincial e esta ao final entendeu que había indicios como para abrir xuízo oral contra o acusado por un presunto delito de incendio en bens propios", asegura Carlos González Novo, avogado da acusación particular.
Polo delito de incendio en bens propios, a fiscalía do Xulgado do Penal número 2 de Lugo solicita para o acusado tres anos de cadea. É a mesma pena que pide a acusación particular, que representa a compañía coa que estaba contratada a póliza do seguro da nave incendiada.
"Nós defendemos que hai unha autoría por parte do acusado en canto a que incendiou a súa nave con ánimo de lucrarse da póliza de seguro que tiña contratada con esta entidade aseguradora e é o que imos intentar demostrar, obviamente", di o avogado acusador.
Pola súa parte, a defensa pide a libre absolución para o acusado, que negou os feitos que lle imputan.