CRTVG

Buscar

Transición Ecolóxica denuncia o Plan xeral de xestión marisqueira de Galicia

Publicado o 20/05/2021 15:21

Os plans de explotación regulan calquera aspecto relacionado coa actividade marisqueira. "Teñen horarios, topes de captura, regulan as limpezas, os puntos de control, é un todo", explica José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías. 

Di que son un exemplo de xestión sostible, e que os sorprende que sexa precisamente Transición Ecolóxica quen recorra estes regulamentos. O Ministerio presentou un contencioso administrativo para derrogar o Plan xeral de explotación marisqueira, que é o que rexe de 2021 a 2023. En Madrid entenden que a aprobación dos plans ten que levar necesariamente un informe previo do ministerio, pero Galicia di que ten competencias exclusivas. "A actividade marisqueira é unha competencia asumida no estatuto de autonomía, que vimos desenvolvendo dende que se creou a autonomía, e para a que temos competencias exclusivas", afirma Rosa Quintana, Conselleira do Mar.

Será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que teña que dirimir a cuestión. A Federación de Confrarías confirmou que tamén se vai presentar no proceso. Din que, se vai adiante, o sector quedaría sumido no caos. "Nós non podemos traballar sen plan de explotación" di Pérez Sieira."Traballar sen normas e sen regras sería un caos", engade. Hai 94 plans de xestión para regular o marisqueo en Galicia ata 2023. Ao seu abeiro traballan hoxe máis de 8.700 persoas.

Noticias web

20/05/2021