Transición Ecolóxica abre o prazo para as alegacións á protección do lobo en España

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) abriu este mércores o proceso de consulta pública previa sobre o proxecto de orde ministerial para incluir todas as poboacións de lobo ibérico na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Esta inclusión prohibiría a súa caza en todo o territorio español.
O prazo estará aberto ata o próximo 26 de febreiro e, deste modo, o ministerio pretende materializar a proposta da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e da biodiversidade, un órgano participativo en materia de biodiversidade no que están representadas a Administración xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, que aprobou elevar á ministra a proposta de incluir todas as poboacións de lobo en España neste listado.
O prazo para presentar alegacións estará aberto ata o próximo 26 de febreiro e poderán remitirse a buzon-sgb@miteco.es indicando no asunto "CPP Modificación RD139/2011".
Grupo de traballo sobre a estratexia
Paralelamente, o Ministerio convocou este mércores 10 de febreiro a primeira reunión do grupo de traballo para elaborar unha nova estratexia de xestión e conservación do lobo en España, que actualice a aprobada en 2005.
Porén, Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria solicitaron adiar a reunión ata que non se aclaren as circunstancias e "irregularidades" que, segundo expresan, se produciron na última reunión da Comisión Estatal para o patrimonio Natural e a Biodiversidade do pasado 4 de febreiro.
Estas comunidades, que albergan máis do 95 % dos lobos de España, defenden que esta decisión estatal carece de fundamento técnico e científico e vulnera as competencias exclusivas en materia de caza das comunidades autónomas, pois a propia normativa comunitaria permite que as poboacións de lobo ao norte do Douro poidan ser xestionadas con normas cinexéticas.
Pola súa banda, Transición Ecolóxica sinala que con esta proposta de inclusión de todas as poboacións españolas de lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial aténdese ao ditame do Comité Científico que "recomendou a súa protección ao considerar a súa importancia como patrimonio cultural, científico, así como os servizos ambientais que produce a presenza desta especie nos ecosistemas naturais".