CRTVG

Buscar

Imaxes de natureza e música para transformar o espazo de cremacións do tanatorio da Coruña

Publicado o 11/06/2021 10:42

Asistir ao acto de cremación é unha experiencia dura, pero tamén pode ter un lado positivo, porque axuda a avanzar no proceso de dó. Algúns tanatorios están incorporando novas tecnoloxías para facilitar un mellor ambiente emocional nese momento do último adeus.

Afrontar unha morte é doloroso pero tamén ineludible, por iso evitar certas fases do proceso, como ocorre en moitos casos nas cremacións, non sempre é a mellor opción. Pero os profesionais do sector recoñecen que o marco tampouco é o máis propicio para unha boa despedida.

"O forno en si mesmo, os espazos, non axudaban a que as familias poideran procesar ese momento da mellor forma posible", di Marián Carvajal, responsable de atención emocional da cadea de tanatorios Albia.

Coa axuda das novas tecnoloxías, neste crematorio coruñés tentan cambiar a vivencia deste último momento.

"Trátase dunha proxección de vídeos para axudar as familias no momento do dó, na introdución... Instaláronse uns proxectores tanto na sala operativa coma onde se encontra a familia e o que facemos é proxectar imaxes nas seis paredes das dúas salas", di Alfonso Dosil, xerente do tanatorio Albia da Coruña.

Din que o espazo de inmersión que se logra crear con imaxes de natureza e música axuda a rebaixar os niveis de ansiedade e vivir a experiencia doutra forma.

"Se nos rodeamos de estímulos agradables que nos provocan serenidade, mesmo certa paz, conseguimos que logo no recordo este non sexa un instante traumático senon todo o contrario", explica a psicóloga responsable da atención emocional das familias.

Esperan que isto anime a máis persoas a estar no acompañamento ata o final, incluídos nenos e adolescentes, que agora, di a psicóloga, adoitan estar inexplicablemente excluídos dos procesos de despedida dos seus achegados.

Noticias web

11/06/2021