Tráfico suma sentenzas na súa contra por non aplicar a marxe de erro dos radares
Suma e segue. A Dirección Xeral de Tráfico acumula sentenzas desfavorables pero non cambia o seu modus operandi.
A norma di que os radares teñen unha marxe de erro do 5%, se son fixos, e do 7%, se son móbiles. O problema é que Tráfico non aplica esa porcentaxe nas sancións por exceso de velocidade.
Javier López Romero, avogado pregúntase se é valido o radar para funcionar? Di que a lei lle permite unha marxe de erro para estar funcionando e que daquela cómpre aplicarlle na medición que realiza "esa mesma marxe de erro que lle permite a lei para estar funcionando".
A cidadanía está cada vez máis informada desta situación que considera inxusta. Por iso, nos últimos tres anos aumentou o número de denuncias por vía xudicial. A maioría das sentenzas ditadas ata o momento obrigan a aplicar a marxe de erro. Entón... por que Tráfico non o fai cando multa por exceso de velocidade?
Na maioría dos casos os cartos e os puntos en xogo son poucos. Pero, coñecendo o que din os tribunais, resulta difícil pasar por alto que é a Dirección Xeral de Tráfico a que fai unha interpretación da lei favorable ao seu peto.